O Club de Remo Cabo de Cruz gaña a Bandeira de Traíñas Deputación da Coruña

1 minutes read

O Club de Remo Cabo de Cruz proclamouse gañador da Bandeira de Traíñas “Deputación da Coruña”, tanto na modalidade masculina coma na feminina. A proba, que reúne cada verán aos mellores clubs de remo da provincia, celebrouse nas augas de Cabo de Cruz, na localidade boirense.

A Bandeira de Traíñas Deputación é unha competición histórica do panorama do remo fixo galego, moi valorada por clubs, deportistas e afeccionados e celébrase cada 15 de agosto nun municipio costeiro da provincia da Coruña. Este ano chega á súa 33ª edición na súa modalidade masculina e á 4ª edición na feminina.

Un total de 13 clubs (8 masculinos e 5 femininos) disputaron a Bandeira, nunha espectacular competición de 3 millas naúticas (5.556 metros) que congregou a numeroso público para seguir as evolucións das embarcacións nunha localidade que conta cunha gran tradición mariñeira.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o alcalde de Boiro, José Ramón Romero, o deputado de Deportes, Antonio Leira Piñeiro, e o presidente da Federación Galega de Remo, José Luís Méndez, foron os encargados de entregar as medallas e a Bandeira Deputación ás tripulacións gañadoras.