Comezan as obras de mellora da escola infantil autonómica das Pontiñas, en Lalín

1 minutes read

As obras de mellora na escola infantil pública autonómica das Pontiñas anunciadas para este verán pola Xunta de Galicia xa están en marcha e prevese que rematen no prazo establecido, antes do inicio do curso escolar. A intervención consiste na montaxe dunha nova cuberta principal e na prolongación da cuberta do patio para que cubra a entrada principal á escola. Tamén se están a instalar novas baixantes exteriores para evitar posibles filtracións de auga ao interior do edificio e se repararán humidades interiores.

A Xunta, a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, financia esta actuación con preto de 50.000 euros mediante a compensación do importe das liquidacións que ten que pagar a Administración local por este servizo. A execución dos traballos corre a cargo do Concello de Lalín e estanse a levar a cabo durante o mes de agosto, aproveitando que o centro non ten actividade por vacacións.

A escola infantil das Pontiñas iniciará o vindeiro curso 2023-2024 con 65 nenos matriculados e o outro centro que ten o Consorcio neste municipio, o situado no polígono, retomará a súa actividade en setembro con outros 53 nenos. As familias seguirán sen pagar nada pola atención educativa dos seus fillos, posto que a Xunta mantén a gratuidade en todas as escolas de 0 a 3 anos da Comunidade Autónoma e para o 100% do alumnado.