Unha lancha rápida colidiu contra unha batea na ría de Arousa

1 minutes read

Unha lancha rápida colidiu contra unha batea en aguas da ría de Arousa. Foi á altura do arquipélago dos Guidoiros, nunha zona de bateas ao norte do illote Pedregoso. A bordo ían un home e unha muller, que foron rescatados pola embarcación de Salvamento Marítimo e trasladados ao porto de Ribeira. A muller feriuse nas costelas e evoluciona favorablemente no hospital do Barbanza.

Non é o primeiro choque dunha embarcación contra unha batea en Arousa, a máis recente, en xullo, acababa coa vida dunha veciña de Vilaxoán. Casos coma estes subliñan a necesidade de observar un respecto estrito ao regulamento de navegación, con especial mención á velocidade.

Para evitar accidentes contra as bateas, a Capitanía Marítima de Vilagarcía actualizou este ano as normas de seguridade de 2002, establecendo unha velocidade máxima de 8 nós nos polígonos bateeiros, cun perímetro de navegación de cincuenta metros. Na ría de Arousa hai preto de dúas mil cincocentas bateas, polo que extremar as precaucións é unha necesidade.