O TSXG ratifica a condena a Navantia pola morte dun traballador por exposición ao amianto

1 minutes read

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza vén de ratificar a condena contra Navantia e a súa predecesora, Izar Construcciones Navales, pola súa responsabilidade na enfermidade contraída por un traballador do estaleiro entre 1973 e 1986 falecido en 2015 como consecuencia dunha abestose de longa duración, doenza provocada pola exposición ao amianto, material que este operario manipulou durante os seus anos na antiga Bazán.

Na súa sentenza, o xulgado subliña que a compañía non facilitaba máscaras aos traballadores, que tampouco recibían “información expecífica” sobre a súa exposición ao amianto ou as medicións sobre a súa presenza no ar. Ademais, tampouco era obrigatoria a ducha ou lavado unha vez finalizada a xornada nos estaleiros e os empregados tiñan que levar a súa roupa para os seus domicilios.

A resolución da Sala do social do alto tribunal galego desestima o recurso presentada polas demandadas —Izar, en liquidación, e Navantia— pola viúva do operario, á que se recoñece o dereito a percibir un recargo de 40% da súa prestación por viuvez. O veredicto do TSXG, contra o que cabe recurso de casación para a unificación de doutrina, ratifica a sentenza do Xulgado do Social número dous da Coruña, que condenou as responsábeis do estaleiro pola enfermidade contraída por este empregado que desempeñou a súa actividade entre 1980 e 1986 como andamieiro e tubeiro. As súas tarefas no estaleiro eran, fundamentalmente, o revestimento dos tubos que estaban fabricados con amianto, co que, como determinou a Xustiza, estaba moi exposto a este material que provocou a enfermidade que padeceu até a súa morte en 2015.