En ambos os dous casos foi necesaria a intervención dos equipos de salvamento ao estar as vítimas atrapadas nos seus vehículos.
O máis recente produciuse en Barro, na confluencia entre a PO-531 e a AG-41, en Curro. Nese punto, un turismo saíuse da vía, e o único ocupante resultou falecido. Así o confirmaron os equipos de intervención unha vez posicionados no lugar do sinistro.
Para mobilizar os recursos necesarios, foi fundamental a chamada ao 112 Galicia dun particular. A posibilidade que apuntou o alertador de que houbese alguén atrapado no vehículo, fixo que se avisase aos Bombeiros de Pontevedra, Morrazo, e GES de Sanxenxo.
Ao lugar acudiron unha dotación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e unha patrulla da Garda Civil de Tráfico. Precisamente, os axentes de seguridade avanzaron o estado da vítima.
Anteriormente, unha persoa perdía a vida en Ribadavia tras unha colisión entre un turismo e un camión de mudanzas. O sinistro produciuse na OU-504, ao paso pola parroquia de Regodeigón, tal e como indicaron as persoas que chamaron ao 112 Galicia para pedir axuda.
Con estes datos, activáronse os protocolos necesarios para a mobilización de recursos de salvamento como os Bombeiros do Carballiño e membros do GES de Ribadavia. Tamén foron informados, por suposto, os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mesmo trasladaron un equipo a bordo do helicóptero medicalizado con base en Ourense. Sen embargo, nada puido facerse por recuperar a persoa.
Deste xeito, os bombeiros procederon á súa liberación, pois estaba atrapada dentro do coche, pero xa estaba falecida. Ademais, neste operativo colaboraron os axentes da Policía Local de Ribadavia, así como a Garda Civil de Tráfico.