O rei Felipe VI e a raíña Letizia presidiron, un ano máis, o desfile militar polo Día da Festa Nacional, aínda que este 12 de outubro compartiron protagonismo: a princesa Leonor estreouse na tribuna sendo xa parte das Forzas Armadas. Vestida co uniforme de gala do Exército de Terra, Leonor participou xunto ao seu pai na homenaxe aos caídos por España, seguindo detrás e en sincronía os movementos do rei. O momento, o de máis emoción do desfile, culminou co paso da Patrulla Águila deixando as cores da bandeira no ceo e unha descarga de fusilería. Tras o silencio, unha música militar, máis alegre, marcou o comezo dun novo acto na cerimonia. A novidade deuse nesta ocasión no salto da Patrulla Acrobática de Paracaidismo de Exército do aire (PAPEA). Por primeira vez realizouno unha muller paracaidista.