Bergantiños FC e UD Paiosaco suman e seguen

1 minutes read

Sen goles terminou o Bergantiños-Polvorín. O partido enfrontaba aos dous equipos descendidos na pasada liga a Terceira Federación. Como na de 2022/23, non houbo goles. Ambos parecen abonados ao empate, pois foi o signo que levan asinando nos tres últimos enfrontamentos. Os locais foron de máis a menos. Puideron deixar o partido resolto nos primeiros 25 minutos, pero foron empequenecendo a partir do descanso, por ter demasiada présa por anotar. O Bergantiños, que viña de gañar en Os Carrís, baixa ao cuarto lugar, quedando a cinco puntos do ascenso directo, e o Polvorín recupérase da dura derrota contra o Arousa na xornada anterior.

O Paiosaco trae os tres puntos de Betanzos

Un único gol de Dani Fernández na segunda metade, deu a vitoria ao Paiosaco no García Hermanos este domingo ante o Betanzos, 0-1. O conxunto de Diego Armando dominou durante a primeira hora de xogo e cando máis apertaba o de Noe López, os da Laracha sentenciaron á contra. O Betanzos non tirou a toalla en busca do empate, sobre todo en accións a balón parado e desde a esquina, pero foi en balde.