O auditorio do Pazo da Cultura de Carballo quedou pequeno na tarde deste martes para acoller a celebración do centenario do Bergantiños FC. O secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa, participou neste acto e felicitou ao equipo carballés por cen anos de historia e de traballo que posibilitan que hoxe o Bergantiños se teña convertido “nun fenómeno de todas e de todos”. Neste sentido, cifrou as licenzas deportivas dos vinte equipos do Bergantiños -unidas ás dos 14 equipos do seu filial, as Escolas Luis Calvo Sanz- nun total de 588 licenzas federativas, das cales, o 20 % (106) son femininas e o 85 % (497) están designadas á base.
Destacar tamén a presenza do vicepresidente da Deputación da Coruña Xosé Regueira; o alcalde de Carballo Evencio Ferrero; o deputado de Deportes Antonio Leira; e o vicepresidente e o secretario da Real Federación Galega de Fútbol, Juan Luis Villamisar e Diego Batalla.
Os presentes puideron visualizar un documental con imaxes e declaracións de variados personaxes determinantes para entender o que foi e é o Bergantiños. Recordáronse algunhas das xestas máis importantes na historia do equipo, a calidade e a valentía de xogadores como Alvarito, Manoliño, Crespo ou Arsenio Iglesias, que se acabou convertendo en lenda do Deportivo e tristemente desaparecido tamén neste 2023.
Hoxe, dixo Lete Lasa, “grazas a todo o traballo realizado no deporte galego e tamén aquí, en Carballo, o nome que máis se canta nas Eiroas xa non é o dun home, senón o dunha muller”. Así salientou a figura de Elena Vázquez como “a perla da canteira do Bergantiños” que xa foi chamada pola selección española sub 17.
Lete Lasa transmitiu todo o apoio da Xunta de Galicia ao Bergantiños que desde 2009 conta con diversas axudas de preto de 250.000 euros. Neste intre, os dous equipos absolutos do Bergantiños -tanto o masculino como o feminino- son líderes en solitario das súas respectivas divisións -Tercera Federación e Primeira Galicia- polo que manifestou o seu convencemento de que a tempada do centenario poderá ser celebrada con dous ascensos.
O acto serviu tamén como homenaxe aos 25 socios máis antigos e aos dez últimos encargados de presidir o clube. A todos eles foilles entregada unha insignia do Bergantiños e un exemplar da obra de Xan Fraga, Centenario Bergantiños Fútbol Club 1923-2023. Ademais, no acto estreouse, de maneira oficial, o novo himno do centenario, ao que lle puxo voz a carballesa Loli Platas.