Galicia, primeira comunidade autónoma en aprobar os seus orzamentos para 2024

1 minutes read

Estes orzamentos son os máis altos da historia da Comunidade e ascenden a 13.257 millóns de euros para Investir en estabilidade, nas persoas e no futuro. Así, os recursos orzamentarios de 2024 garanten o crecemento estable; consolidan todas as rebaixas de impostos en vigor e inclúen novos incentivos fiscais; reforzan o gasto social e os investimentos e todo iso sen recorrer ao endebedamento por primeira vez en 16 anos. 

Os presupostos do ano que vén invisten en estabilidade cunhas finanzas solventes, que non xeran débeda e que consolidan os beneficios fiscais aos galegos e ás galegas para ser unha das comunidades cun mellor tratamento ás rendas medias e baixas. Investir en estabilidade permite ter contidos os gastos en xuros cun aforro de 490M€ na lexislatura; ser a comunidade autónoma que menos incrementou a débeda desde o ano 2008; ou estar entre as comunidades con menor necesidade de esforzo para a consolidación fiscal. 

En segundo lugar, invisten nas persoas para reforzar os servizos públicos autonómicos e reforzar tamén o apoio aos galegos e galegas que máis o precisan; apostan pola modernización do servizo de saúde; a inclusión de novas prestacións; o reforzo dos servizos sociais, en especial a atención aos maiores; reforzan o apoio ás familias e as políticas de vivenda; e impulsan medidas de integración no mercado de traballo e loita contra a exclusión.  

E, en terceiro lugar, son unhas contas que invisten no futuro, que sentarán as bases do crecemento e do emprego futuros, fomentando o desenvolvemento dos proxectos transformadores que Galicia está a impulsar para a transición dixital, ecolóxica e enerxética, aproveitando os fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia.