O BNG pide declarar Vigo como cidade saturada de pisos turísticos

1 minutes read

O Bloque Nacionalista Galego pide declarar Vigo como cidade satura de pisos turísticos diante do que definen “grave proliferación deste fenómeno especulativo”. A fronte nacionalista demanda a elaboración urxente dunha ordenanza municipal que regule esta situación impoñendo unha taxa ao seu funcionamento, esixindo dunha licenza municipal e realizando inspeccións para aflorar as vivendas non rexistradas.

“É momento de frear en seco esta ameaza que está a dificultar o primeiro dereito da cidadanía que é o de poder habitar a súa propia cidade, con cada vez máis familias traballadoras e mocidade que literalmente non se poden permitir o luxo de vivir en Vigo”, demandou o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas.

Hoxe en Vigo hai case o triplo de pisos turísticos (1.500) que vivendas dispoñíbeis para alugueiro residencial, 400 máis durante os últimos 6 meses. “A nosa cidade ten case o dobre que os existentes en Santiago de Compostela, o que dá boa conta da gravidade da situación”, alertou Igrexas. Nese sentido, subliñou que existen xa en Vigo como mínimo 15 zonas tensionadas polos altos prezos dos alugueiros, segundo o Instituto Galego de Vivenda e Solo, con incrementos dun 50% nos últimos 5 anos.

O portavoz nacionalista responsabilizou deste problema á “inacción” da Xunta de Alfonso Rueda e do Goberno municipal de Abel Caballero. Por parte do Goberno galego, lamentou a negativa do PP a garantir a legalidade no rexistro de vivendas turísticas mantendo a “lei da selva”, permitindo que calquera persoa que o desexe poida destinar a súa vivenda a uso turístico sen medidas de control nin ordenación.