Ampliada a campaña de vacinación fronte á gripe e a covid-19 até o 26 de xaneiro

1 minutes read

Unha vez superado o período de vacacións do Nadal, a Xunta decidiu seguir facilitando a posibilidade de que se vacine a poboación que até de agora aínda non o fixera.

Os últimos datos da Dirección Xeral de Saúde Pública rexistran unha taxa de positividade das probas de gripe do 27,9%, o que reflicte un descenso de 2,28 puntos porcentuais respecto da xornada anterior.

No que atinxe á cobertura de vacinación, até o momento, na comunidade galega vacináronse fronte á gripe un total de 802.646 persoas. Así, a cobertura vacinal en adultos acadou xa un 82% en maiores de 80 anos, e superou a cifra dos 36.000 menores de 5 anos que xa foron inmunizados, o que representa o 51,3%

En canto á presión asistencial vencellada á gripe, o conxunto de centros hospitalarios que conforman o Servizo Galego de Saúde contan cun total de 844 persoas ingresadas (77 menos que a xornada anterior), dos que se atopan na UCI 37 (6 menos que a xornada anterior).

Porén, mantense habilitado o sistema de autocita para vacinarse de ambas infeccións respiratorias (gripe e covid-19) no conxunto de hospitais da rede sanitaria pública galega.