Traballadores da limpeza bótanse á rúa para reclamar unhas condicións dignas

3 minutes read

Os paros nas provincias de Pontevedra e Ourense rexistraron un amplo seguimento, mentres que a folga de Lugo vai camiño dos 90 días.

Centos e centos de traballadoras/es da limpeza de edificios e locais tomaron este mércores as rúas das principais cidades do país para reclamar uns convenios provinciais que dignifiquen as súas condicións laborais. Os paros de 24 horas convocados en Pontevedra e Ourense rexistraron un amplo seguimento, mentres que a folga indefinida de Lugo vai camiño de cumprir xa 90 días. Na caso da Coruña, delegadas/as da CIG no sector desenvolveron unha acción reivindicativa cortando varios carrís da avenida Alfonso Molina.

As empregadas galegas da limpeza apostaron nas asembleas celebradas recentemente por intensificar as mobilizacións para reclamar uns convenios provinciais dignos ante o inmobilismo da patronal estatal Aspel, que teima en achegar propostas inasumíbeis que non supoñen unha mellora das condicións de traballo. Deste xeito, á folga indefinida de Lugo sumáronse este mércores paros de 24 horas nas provincias de Pontevedra e de Ourense, mentres que na Coruña levouse a cabo unha acción reivindicativa.

Durante a xornada de loita deste mércores desenvolvéronse distintas protestas, con manifestacións e concentracións pola mañá en Vigo, Pontevedra e Ourense, Lugo e Vilagarcía. No caso de Vigo e de Pontevedra as mobilizacións repetironse tamén durante a tarde. Ao longo de todo o día a accións dos piquetes informativos resultou intensa, e nalgúns lugares, como no caso de Vigo, a Policía española optou por levar a cabo algunhas identificacións.

A secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández, que participou na concorrida manifestación de Vigo, salientou a importancia da loita que están a levar a cabo as traballadoras/es do sector en defensa dos seus dereitos e lembrou que tanto o convenio de Lugo como de Ourense contemplan salarios inferiores ao SMI. “Mais as propostas de Aspel non chegan ao salario mínimo; mentres que en Pontevedra ofrecen unha suba de soldos do 2.66 %, por debaixo do IPC real de 2023”.

Finalmente, chamou o empresariado a sentarse a negociar con vontade de chegar a acordos que permitan desbloquear os conflitos “porque do contrario vanse atopar coa capacidade de loita e de resistencia dunhas traballadoras/es que están a amosar un sólido compromiso coa defensa das súas condicións laborais”.

Éxito da xornada de loita

Fernández cualificou de “éxito” o desenvolvemento da xornada, e cifrou o seguimento dos paros en máis do 65%, tendo en conta que a pesar de que a incidencia na industria (sobre todo na automoción) e nas fábricas (como as conserveiras) foi moi alta, os elevados servizos mínimos fixados nos servizos públicos (centros de saúde, hospitais, aeroportos, Concellos, colexios, etc) -nalgúns casos incluso do 100%- reduciron o seu impacto. “É moi importante que as traballadoras/es se decidisen a dar este paso para dignificar as súas condicións laborais porque son un servizo esencial e como tal teñen que ser tratadas/os”, sinalou a responsábel sindical. Neste senso, explicou que as diferencias coa patronal Aspel son substanciais, xa que ofrece unicamente un 2,66% de suba salarial, négase a pagar os atrasos con carácter retroactivo e non quere reducir a xornada até as 37,5 horas semanais. “ Isto último é para os sindicatos implicados unha reivindicación fundamental tendo en conta que se trata dun sector altamente feminizado, con moitos contratos a tempo parcial, así que se se reduce a xornada as traballadoras/es parciais aumentarán os seus soldos e as que están tempo completo traballarán menos horas”.