Ángeles Vázquez pide colaboración a nivel político para defender o interese común

1 minutes read

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reinvidicou no Parlamento a necesidade de protexer Galicia, a súa imaxe e os seus intereses fronte á desinformación irresponsable ao redor do vertido de pellets plásticos do buque mercante Toconao en augas portuguesas e que está a afectar ao litoral da Comunidade e doutros puntos do Cantábrico.

Con este obxectivo e durante a súa comparecencia a petición propia ante a Deputación Permanente da Cámara autonómica, Vázquez Mejuto fixo un chamamento á colaboración a nivel político para defender os intereses de Galicia, apelando á prudencia e ao traballo conxunto de todos os grupos parlamentarios galegos e das diferentes institucións competentes. “A imaxe de Galicia é sagrada”, salientou.

Tras insistir na mensaxe de tranquilidade ante a situación actual e lembrar que as análises encargadas pola Xunta e a opinión dos científicos coinciden en sinalar a non perigosidade dos pellets, a vicepresidenta anunciou que o Goberno galego traballa na constitución dun “comité de expertos” co obxectivo de vixiar os posibles efectos do vertido sobre os ecosistemas costeiros, anticiparse de ser o caso coa adopción das medidas necesarias e, en último termo, esixir responsabilidades.

Esta nova medida, tal e como explicou, virá complementar e reforzar o traballo acometido polo Executivo autonómico nos últimos días para facer fronte á chegada de sacos e de pellets plásticos dispersos ás costas galegas.