Retirados das praias galegas máis de 3.130 quilos de pellets e 7.700 doutros plásticos

1 minutes read

O dispositivo despregado pola Xunta nas praias e no mar para a recollida dos pellets perdidos polo mercante Toconao en augas portuguesas permitiu recuperar ata o momento máis de 3.130 quilos deste material, o equivalente 125 sacos. Ademais, desde o 10 de xaneiro tamén se retiraron dos areais 7.700 quilos doutros plásticos asimilables a residuos urbanos.  O operativo de vixilancia, detección e limpeza, por terra e mar, despregado está integrado por máis de 400 efectivos repartidos por 51 praias pertencentes a 27 concellos. Mentres, por mar o Servizo de Gardacostas continúa a facer un seguimento da situación mantendo activos os helicópteros Pesca 1 e Pesca 2, catro embarcacións de gran porte (o Sebastián de Ocampo, o Irmáns García Nodal, o Ría de Vigo e a Mar de Galicia) así como oito patrulleiras de menores dimensións. A maiores, o Goberno central aporta ao operativo un avión, un helicóptero e unha embarcación.