O Goberno destina 35 millóns de euros, procedentes dos fondos europeos para a modernización dos regadíos da Limia. Con estes cartos o Ministerio de Agricultura financia o oitenta por cento do proxecto, que beneficia a case 2.000 produtores que cultivan máis de 2.500 hectáreas. Na sinatura do convenio estivo este venres o ministro Luis Planas.
O ministro de Agricultura destacou que a modernización permitirá optimizar o uso da auga para producir de xeito sostible “Hoxe non se trata só de producir. Hai que producir ben, en cantidade, en calidade e en sostibilidade. E para iso a modernización do regadío é fundamental”. Fundamental, dixo Luis Planas, no futuro do medio rural, dos agricultores e dos gandeiros.
Os regantes pedíronlle ó ministro un esforzo adicional para evitar sobrecustos. “Debido ao incremento dos custos do proxecto, expropiacións e gastos financeiros, solicito á Administración central que achegue unha axuda adicional a fondo perdido”, dicía na súa intervención Amador Saborido, presidente da Comunidade Xeral de Regantes de Nova Limia.