O CIS prognostica unha forte caída do PP en Galicia e deixa no aire a súa maioría absoluta

1 minutes read
  • Ana Pontón, cun 5,77 de media, é a líder máis valorada, seguida de Alfonso Rueda, cun 5,39 e Xosé Ramón Gómez Besteiro, cun 4,84.

O Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) publicou este xoves a enquisa ‘Preelectoral de Galicia. Eleccións autonómicas 2024’. Nel prognostica unha forte caída do Partido Popular e sitúa á candidatura de Alfonso Rueda ao bordo de perder a maioría absoluta, situada en 38 escanos, que herdou de Alberto Núñez Feijóo. Segundo os datos do CIS o PP será a forza máis votada o próximo 18 de febreiro co 43,2% dos votos e entre 36 e 38 escanos. O Bloque Nacionalista Galego superará os seus rexistros históricos e entraría no Parlamento de Galicia con entre 20 e 23 escanos, ao obter o 29,3% dos sufraxios. En terceiro lugar, o PSOE: 20,4% dos votos e entre 15 e 17 escanos. Os datos da enquisa certifican unha caída do PP que, no peor dos seus escenarios, perdería seis deputados con respecto aos 42 que obtivo Alberto Núñez Feijóo nas eleccións de 2020.

A Xunta, un problema

O Goberno da Xunta é o cuarto problema para os galegos, despois do paro, a sanidade e a economía. Sobre a xestión que realizou o PP á fronte da Xunta estes últimos 4 anos, un 46,1% dos galegos indica que foi “mala ou moi mala”, un 45,5% afirma que foi “moi boa ou boa”, e un 7,1% asegura que regular.