O audiovisual galego entregará os seus premios Mestre Mateo o 23 de marzo na Coruña

1 minutes read

A sede da Filmoteca de Galicia na Coruña acolleu este martes a presentación da 22ª edición dos Premios Mestre Mateo do audiovisual galego, na que se deu a coñecer tanto a imaxe gráfica como algúns dos principais detalles da gala de entrega que se celebrará o sábado 23 de marzo no Coliseum coruñés. A Xunta volve apoiar economicamente a Academia Galega do Audiovisual na organización e difusión dos seus galardóns, aos que este ano concorren 173 producións e 493 profesionais do sector.

O  director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou neste acto xunto ao presidente da Academia, Álvaro Pérez Becerra, os representantes do resto das entidades colaboradoras e os intérpretes Lidia Veiga e Miguel Canalejo, encargados de conducir a gala que dirixirá a dramaturga Noemi Rodríguez.

Na súa intervención, Sutil enmarcou o apoio do Goberno galego a esta convocatoria anual no convencemento de que “o incentivo e o estímulo profesional contribúen a un mellor desenvolvemento da creatividade e a unha maior visibilidade dos nosos filmes, dos seus artífices e dos seus protagonistas”.