Os cabezas de lista de BNG e PSOE arrincaron a carreira cara ás urnas do próximo día 18 cumprindo o seu compromiso de asistir a todos os debates aos que os conviden. O candidato do PP, Alfonso Rueda, deu este venres a súa primeira espantada dun debate electoral. Foi no da Cadena SER en Galicia. Como facía o seu predecesor, Rueda evitou esta cita “escondéndose” -así o dixeron en reiteradas ocasións os seus rivais- tras o voceiro do grupo parlamentario. Se Feijóo enviaba a Pedro Puy, o actual presidente da Xunta mandou a Alberto Pazos Couñago a un debate que se celebrou nun hotel compostelán situado a pouco máis dun quilómetro da Praza do Obradoiro.
Con este escenario, todo indica que a única posibilidade de ver ao candidato popular confrontar argumentos cos seus rivais será este luns, día 5, no debate organizado pola TVG. A outra posibilidade, mínima, pasa polo debate do mércores 14 en RTVE. O ente público estatal foi o primeiro en lanzar a convocatoria, xa a finais do pasado ano. Mentres Pontón e Besteiro confirmaron a súa presenza en cuestión de horas, Rueda evitou facelo primeiro nunha entrevista con Silvia Intxaurrondo e, hai apenas uns días, con Xabier Fortes.