Despois de cinco anos en órbita e de completar unha distancia aproximada de 1.300 millóns de quilómetros, con 28.700 órbitas ao redor da terra, o satélite ‘Lume-1’ entrou este mércores na atmosfera, informou a Universidade de Vigo.
Foi lanzado en decembro de 2018 a bordo dunha nave Soyuz desde a base espacial rusa de Vostochny, en Siberia, e superou, por moito, a vida media útil dos nanosatélites, que está entre os seis meses e un ano.
Un dos obxectivos principais do ‘Lume-1’ era validar o sistema de comunicacións Sensor-Terra-Centro de Control–UAV a través do internet das cousas empregando como plataforma o sistema de comunicacións de UVigo ‘Totem’, que permite a actualización a bordo durante a misión.
De acordo coa universidade galega, o satélite ‘Lume-1’ supuxo “un paso moi importante na traxectoria do Grupo de Tecnoloxías Aeroespaciais”.
Realizáronse análise de fontes de interferencias de radio ao redor de todo o planeta, así como ensaios de comunicacións e adquisición de datos de posicionamento de aeronaves, un “desenvolvemento punteiro” que foi transferido a ‘Alén Space’, empresa derivada da Universidade de Vigo, “que o comercializa en multitude de misións a nivel mundial”.
Entre os obxectivos da misión estaba testar a eficacia do satélite na loita contra os incendios forestais.