Feira científica para atraer talento feminino á Universidade de Vigo

1 minutes read

O Campus de Ourense acolle a sétima edición da feira Exxperimenta en Feminino

Ano 2024 e a ciencia e a tecnoloxía seguen a ser territorio inexplorado para unha ampla porcentaxe da poboación. “De cada 100 estudantes que entran en primeiro de carreira en Enxeñería Informática, só 17 son mulleres”, sinala Alma Gómez, profesora de Enxeñería Informática e co-organizadora da feira. Na maioría dos casos, as estudantes cos mellores expedientes académicos decántanse polas ciencias da saúde.

“Se o que queren é axudar a xente, o que queremos que saiban é que se pode axudar moito as persoas coa tecnoloxías. Podes facer un programa de cribado do cancro de mama en base ás radiografías”, explica Alma. É neste caldo de cultivo onde nace Exxperimenta, a feira que promove a ciencia e a tecnoloxía entre as mulleres. Son elas, as alumnas das enxeñerías, as que na feira amosan o seu traballo. “Aquí podemos ver a sección da á dun avión”, explica María, de Enxeñería Aeroespacial, quen engade: “Eu vexo moi importante que as nenas pequenas vexan estas cousas e se interesen. De feito, hoxe viñeron moitas nenas pequenas e parecían moi contentas”.

A feira vai dixirida a estudantes, nenos e nenas, desde primaria a bacharelato, para normalizar o acceso das mulleres a estas carreiras. A perda pola falta de mulleres nestes campos é dobre: para elas, como opción laboral, e para a sociedade en xeral pola perda de talento.