A Axencia Galega da Calidade Alimentaria participará nunha nova edición da Slow Wine Fair, feira que se levará a cabo na cidade italiana de Bolonia do 25 ao 27 de febreiro. Este encontro internacional afonda no mundo do viño en canto á defensa da natureza, a sostibilidade ambiental e a implicacións social e cultural no sector vitivinícola.
Nesta ocasión, a Axencia colaborará por primeira vez coa organización “Castes, Feira Independente do Viño” para ampliar a presenza de Galicia nesta feira. Deste xeito, no espazo dedicado a ela, 10 produtores das cinco denominacións de orixe galegas exhibirán a riqueza dos viños galegos.
Ademais, no espazo tamén se ofrecerá información sobre o sector vitivinícola galego ao mesmo tempo que se levarán a cabo degustacións dos viños, augardentes e licores premiados cos Acios de Ouro nas Catas de Galicia de 2023.
Por último, a través dun equipo formado polo sumiller José Dieste, director da feira “Castes”, e dous membros da Asociación Gallega de Sumilleres, impartiranse talleres e catas comentadas onde se porán en valor as nosas variedades, a diversidade dos nosos solos e o potencial do enoturismo galego.