O Concello de Vigo pon a dispor da cidadanía, os museos, universidades, bibliotecas e o mundo da arte 300 exemplares do novo catálogo coa obra propiedade do Concello de Vigo de Manuel Colmeiro. A Pinacoteca Francisco Fernández del Riego acolleu a presentación do novo libro xunto aos familiares e persoal do sector na que puxeron de manifesto a importancia do artista e a súa pintura.
O concelleiro de Cultura cualificou o catálogo como “brillante”, que da a coñecer a obra dun dos mellores e máis relevantes dos artistas. Gorka Gómez avanzou que o Concello “seguirá a traballar para por en valor aos nosos artistas os próximos anos” e que o obxectivo “é achegar a cultura a toda a cidadanía”. José J. Ballesta, coordinador da edición, falou dun “traballo exhaustivo e exitoso”, ao que a autora dos traballos de catalogación, Beatriz Liz, engadiu que “cada obra foi analizada unha por unha”. “Quen queira coñecer a Colmeiro, ten que vir a Vigo”, concluíu na súa intervención. A familia de Colmeiro, representada por Alba Corral, agradeceu a labor municipal de levar adiante este proxecto.
O pintor Manuel Colmeiro (1901-1999) está considerado unha das figuras máis relevantes da historia da arte galega. Membro senlleiro do grupo d’Os Novos participou activamente na renovación da plástica galega levada a cabo durante os anos 30 do pasado século XX. Dentro do grupo d’Os Novos, e posteriormente en toda a súa carreira, o pintor amosou marcada personalidade artística que, en permanente e coherente evolución, levouno a converterse en referencia ineludible da arte galega contemporánea.