A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Defensa do Monte, vén de iniciar a construción de cinco novos puntos de auga no Distrito Forestal XVII – O Condado – A Paradanta, na provincia de Pontevedra, para mellorar as infraestruturas de prevención e defensa contra os incendios forestais.
Destes cinco novos puntos de auga, tres (os de Filgueira e Ameixeira na localidade de Crecente e o de Taboadexa en Mondariz) supoñen a substitución de antigos depósitos, que polas súas condicións necesitaban ser renovados. Ademais, no de Crecente – Ameixeira a obra inclúe a mellora da pista na que se atopa, diminuíndo aínda máis os tempos de desprazamento e reacción.
Cabe sinalar que o depósito de Cumiar, en Ponteareas, permite a operación simultánea de helicópteros e camións. Para permitilo, construíuse unha caseta cunha boca de incendios para que os vehículos poidan cargar por aspiración a unha distancia segura, tanto para o persoal do camión como para o da aeronave.