Arrincou a nova temporada dos trens turísticos de Galicia

1 minutes read

A nova temporada dos trens turísticos de Galicia arrincou este sábado coa primeira saída do itinerario do Tren da Camelia en Flor, unha das 14 rutas que estarán dispoñibles durante este ano dentro da iniciativa posta en marcha entre a Xunta de Galicia, Renfe e o Inorde que permite coñecer a Comunidade galega e moitos dos seus recursos máis destacados a bordo do tren.

O Tren da Camelia en Flor terá a próxima saída o día 23 de marzo, para a que os billetes xa están esgotados. Coincidindo co período de floración da camelia, na ruta visitaranse tres xardíns que contan coa certificación de Excelencia Internacional. En primeiro lugar, o Pazo Quinteiro da Cruz, en Ribadumia, no que florecen máis de 5.000 exemplares de camelias de máis de 1.500 variedades a partir da que elaboran o seu propio té, que os viaxeiros poderán degustar.

Tamén se visita o Castelo de Soutomaior, coñecendo o seu xardín de camelias con nomes de muller: Rosalía de Castro, María Casares ou a Bella Otero. Finalmente, o percorrido inclúe o Pazo de Rubians, que conta con máis de 800 variedades de camelias e unha finca de albariño, viño que se degustará ao rematar a visita.