Un home de 76 anos morreu ás dez da mañá deste domingo na N-547 no lugar da Portela, no concello de Arzúa. Segundo fontes da investigación, un turismo alcanzouno no quilómetro 58, preto da casa na que vivía, cando atravesaba a estrada por un lugar non sinalizado. Un helicóptero de Urxencias Sanitarias desprazouse ata o punto do accidente pero o persoal médico non puido facer nada por salvarlle a vida. A Garda Civil tenta esclarecer as circunstancias do sinistro. No lugar hai unha ampla curva en rasante que puido influír no fatal desenlace.
Unha moza de 19 anos tamén morreu este domingo tras perder o control do vehículo que conducía na estrada PO-254 en Ponteareas. O accidente produciuse no quilómetro 4, á altura da parroquia de Pías. Por causas que se están a investigar, saíu da vía e acabou nun desnivel tras bater contra algunhas árbores. Un ciclista alertou do sinistro pouco antes das dez da mañá. Os bombeiros tiveron que estabilizar o vehículo, un Renault Clio, e posteriormente excarcerar a vítima, pero xa non se puido facer nada por salvarlle a vida.