O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a nova convocatoria de subvencións para a produción de audiolibros e de libros en lectura fácil, dúas liñas de axudas ás que se destinan 150.000 euros con carácter plurianual para 2024 e 2025. Este ano destínanse 70.000 euros e no 2025 disporase de 80.000 euros.
Con esta liña de axudas a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades busca impulsar a produción editorial en novos formatos, para favorecer así o acceso universal á lectura e á creación literaria galega por parte de toda a poboación. As persoas interesadas, que deben acreditar a condición de editoras, poderán solicitar estas axudas ata o 8 de abril. Tanto as subvencións para a produción e comercialización de audiolibros en galego como para a produción e comercialización de libros en lectura fácil contarán, cada unha, con 75.000 euros, 35.000 correspondentes a esta anualidade e 40.000 á anualidade 2025.
O obxectivo desta iniciativa é o de incentivar a produción de libros, que favorezan tanto a dixitalización como o acceso universal á cultura, a través da posta no mercado de audiolibros e de libros en lectura fácil, dous ámbitos prioritarios para o fomento da lectura e a cultura galega inclusiva. A Xunta de Galicia incrementa estas axudas debido a que considera primordial incrementar o apoio á produción editorial nesta materia.