Unha empresa dispara a súa facturación coa Xunta tras fichar ao marido da número dous do PP galego

1 minutes read
A empresa Allwork Vestuario Laboral, participada ao 50% por Francisco Antonio Otero Illodo, marido de Paula Prado – secretaria do Partido Popular de Galicia -, facturou durante a pandemia 145.975,72 euros, vendendo sobre todo EPIs á administración galega.

Todo ocurriu apenas unhas poucas horas antes de que o Goberno español decretase o estado de alarma e comezase oficialmente o primeiro confinamento da pandemia de coronavirus. O día 13 de marzo de 2020, nunha pequena empresa galega houbo un movemento estratéxico: o marido de Paula Prado, a actual secretaria xeral do Partido Popular de Galicia, pasaba a ser socio ao 50% de Allwork Vestuario Laboral afincada en Santiago de Compostela.

Até ese momento, esta sociedade apenas accedera a licitacións públicas con ningunha administración dependente da Xunta. Soamente unha vez en 2019, co ente público Augas de Galicia e cun contrato de apenas 182 euros. Pero no momento no que entraba como propietario o marido de Prado, os datos cambiaron: nos tres anos que durou a pandemia, a empresa fíxose con 38 contratos menores, é dicir, realizados a dedo, por un valor total de 145.975,72 euros e dedicados, principalmente, á compra de equipos de protección individual (EPI).

Reminiscencias á operación Pokémon
Tanto o nome de Paula Prado como o do seu marido xa estiveron baixo o foco mediático e xudicial durante as primeiras fases de instrución da macrocausa denominada Pokémon. En 2014, Prado foi imputada pola xustiza por presuntos delito de tráfico de influencias, suborno ou falsidade documental para beneficiar ao seu marido. Finalmente, Prado sobreviviu a aquilo despois de que o xuíz e o fiscal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia non achasen indicios de ningún delito, a diferenza da opinión dos axentes de Aduanas que iniciaron aquela investigación.