As consellerías do Medio Rural e do Mar participarán na feira Alimentaria de Barcelona, que se celebrará no recinto Fira Barcelona do 18 ao 21 de marzo en horario de 10,00 a 19,00 horas, coa presenza de medio cento de empresas coexpositoras do sector alimentario. Tamén organizarán actividades de promoción de produtos galegos con calidade diferenciada.
Medio Rural contará a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria con tres superficies diferentes en dous pavillóns, dando cobertura a 20 empresas do sector agroalimentario galego. Neste sentido, haberá produtos con denominación de orixe, indicación xeográfica protexida, agricultura ecolóxica e Artesanía Alimentaria, que compartirán cos asistentes producións variadas como carnes, queixos, mel, xeados ou repostería. Alimentaria contará tamén cunha Aula de Experiencias de Calidade, na que se desenvolverán varias actividades destinadas a promocionar estes produtos a cargo de chefs profesionais.
A Consellería do Mar, pola súa banda, tamén participa co seu propio espazo, que ocupa preto de 500 m2 de zona expositiva repartidos en tres áreas para as empresas coexpositoras e unha zona para cociña, descanso e centro de negocios. Participan un total de 25 empresas da conserva e da transformación de peixes e mariscos, xunto a asociacións entre as que se atopan Anfaco Cecopesca ou Mexillón de Galicia.
Programación
O luns 18 arrancará con catas degustacións das IXP Vaca e Boi Galego, Pataca de Galicia, Tarta de Santiago, Grelos de Galicia, Lacón Galego; das DO Monterrei e Ribeiro e dos catro queixos amparados por DOP (Arzúa-Ulloa, Queixo Tetilla, Cebreiro e San Simón da Costa). Esta primeira xornada rematará cunha degustación da IXP Ternera Gallega Suprema para profesionais do sector cárnico.
O martes 19 comezará cunha cata dos queixos galegos acompañados coa IXP Pan Galego. De seguido, os asistentes de Alimentaria poderán gozar dunha masterclass con degustación de produtos cárnicos amparados con selos de calidade coa IXP Pan de Cea e e viño da DO Ribeira Sacra e DO Valdeorras. A IXP Mel de Galicia tamén estará presente nesta feira cunha cata.
Pola tarde terá lugar unha degustación de produtos do mar de Galicia que organizan Anfaco-Cecopesca xunto á Consellería do Mar e a que están invitados os representantes de todas as empresas galegas presentes na feira, cun aforo que en anteriores edicións roldaba as 150 persoas.
A última xornada, a do mércores 20, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria organizou unha cata-degustación de produtos cárnicos e a IXP Pan de Cea xunto coa IXP Castaña de Galicia. Ademais, os asistentes poderán degustar a IXP Pataca de Galicia acompañada da DOP Mexillón de Galicia e viño da DO Rías Baixas.