A Xunta repartirá outros 3.000 composteiros por toda Galicia

1 minutes read

A Xunta adxudicou por algo máis de 210.000 euros a subministración, almacenaxe e distribución de 3.000 novos composteiros entre concellos, centros educativos e colectivos sociais. O obxectivo deste contrato é estender a autoxestión da materia orgánica a aqueles ámbitos nos que resulte viable ante os seus beneficios ambientais, económicos e sociais.  

Este contrato foi licitado pola empresa pública Sogama, que ata o momento xa repartiu de forma gratuíta máis de 21.600 composteiros -con capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables- entre 462 entidades de toda Galicia como concellos (227), centros escolares (203) e outros colectivos sociais (32).

Esta nova partida enmárcase no obxectivo de ampliar o número de persoas e familias que se interesan pola compostaxe doméstica e que a poñan en práctica como unha forma eficiente de previr ou reducir a produción de residuos en orixe. Ao mesmo tempo permite valorizar a materia orgánica de forma eficaz mediante a súa conversión en compost, un abono de alta calidade con boas propiedades fertilizantes e de protección da natureza e do medio ambiente.

A entrega dos composteiros ás familias realizarase a través dos concellos e repartiranse entre os veciños que habiten unha vivenda unifamiliar que dispoña de terreo no que aplicar o compost resultante pechando desta forma o ciclo de recuperación da fracción orgánica, que representa arredor do 40% da composición media dunha bolsa de lixo tipo.