Presentábase, este sábado, o actual campión de liga, nun Fontes do Sar cheo ata a bandeira, enrabietado pola súa última derrota europea en Kaunas, ante Zalguiris o pasado xoves. O cal podía presumir un cansazo, que estes transatlánticos da Euroliga, están máis que afeitos a soportar e que compensan cuns persoais desmedidos en talento, esforzo e calidade.
Ante tal tesitura, presentábase un Obradoiro vestido de rosa, na súa particular maneira de unirse á loita contra o cancro de mama, de toda a liga Endesa. Cun plan de partido claro e unha marcada liña a seguir. A primeira mala noticia era a baixa de Vasileadis por un traumatismo directo no tríceps do brazo dereito, sendo substituído polo xogador do filial Villadóniga.
Lonxe de, esta circunstancia, amedrentar aos de Santiago, empezaba o Obradoiro o partido cunha posta en escena magnífica. Sorprendía Moncho Fernández deixando no banco ao seu pistoleiro Magee, buscando maior defensa e presenza física con Muñoz e o sueco, Czerapowizc, no quinteto titular. Tras un inicio bo dos brancos, Obra empezou a defender mellor e anotar con máis facilidade. Dejan Kravic, imperial, cun mate cruzando a pista, máis tiro libre adicional, e un triplo de Czerapowizc, poñían un esperanzador 23-19 no marcador ao finalizar o primeiro cuarto.
O segundo comezaba cun Obra que aumentaba a súa vantaxe, ata que os visitantes meteron unha marcha máis en intensidade, o cal, unido ao acerto de Laprovittola, con 12 puntos en 3 minutos, volteaban o marcador, 32-38 minuto 16, para irse a vestiarios con 37-44.
Reanudábase o partido e xunto ao papel de Kravic destacaba tamén, o sensacional traballo, que non se ve, de Muñoz. Mike Daum uníase á festa e o Obra achegábase 49-53, minuto 26. Con todo, mentres os locais empezaban a mostrar signos de cansazo físico, as rotacións de Pablo Laso permitían, ao equipo merengue dar outro golpe de autoridade. Era o momento do protagonismo para Causeur e Deck, quen estaban frescos e levaban a máxima diferenza no luminoso, 52-65 no minuto 29, para acabar o terceiro cuarto con 57-65. O Obra necesitaba de respiración asistida, pero salvaba un match point para seguir vivo e na pelexa.
Poñía o equipo galego toda a carne no asador e mercé a unha defensa traballada, intensa e efectiva, renacía cal ave fénix das súas cinzas. Daum acendía a “caldeira de Sar” coa xogada do partido, polo momento, significado e repercusión: mate espectacular e tiro libre adicional. O público enfervorizado aumentaba a súa presión e xogaba o seu particular encontro. Senllos triplos do americano e de Brodziansky deron a volta ao marcador. Os da casa adiantábanse 73-71, restando 5 minutos por xogar.
Tirou entón o campión de oficio e calidade, con Campazzo, Llul e Rudy sensacionais, e mostrando galóns para lograr un parcial de 0-12, que enterrou definitivamente as aspiracións santiaguesas. Pola contra, Calloway, tomou un par de malas decisións seguidas, transformadas en erros e o Obra, acabou morrendo na beira tras nadar o indecible en augas bravísimas. Concluía o partido coa vitoria do Real Madrid por 76-83, alzándoo no máis alto da clasificación, a máis diso convertelo no único equipo invicto en liga.
A pesar de todo, a afección recoñeceu o encomiable e enorme esforzo dos seus cunha sonora ovación para despedilos.
Outro bo partido do Obradoiro ante os moi grandes que non tiveron recompensa final en forma de vitoria. Aínda así, e en canto o durísimo calendario inicial dun pouco de tregua na súa esixencia, os resultados acompañarán. Este é, sen dúbida, o camiño para seguir. Iso si, tamén, fóra da casa.
ALEJANDRO LUÍS OTERO JAMARDO