Esta fin de semana celébrase a Xornada 7 en Primeira Estatal Masculina, onde o Calvo Xiria debe recuperar a senda do triunfo na capital do Deza ante o Embutidos Lalinense, tras tres xornadas consecutivas sen gañar.

O maxestoso Lalín Arena será testemuña unha vez máis dun enfretamiento xa clásico nos últimos anos polos postos altos da clasificación e aínda que nesta ocasión a diferenza de puntos é maior que en anteriores tempadas, os dezáns terán que realizar un gran labor durante os sesenta minutos para impoñerse a un Calvo Xiria que sempre saca o mellor de si nas grandes citas. Os carballeses deberán de volver asentarse na parcela defensiva ante un conxunto con multiples solucións no seu ataque e mellorar as súas prestacións no posicional para impoñerse nunha pista que xa conquistou en tempadas anteriores. O Calvo Xiria afronta este encontro contra o lider como o mellor revulsivo para romper a súa serie negativa de resultados, xa que unha vitoria contra o Embutidos Lalinense, pode ser unha inxección de moral e anímica moi importante.
Outro duro enfrontamento é o que asumen as mozas do Goldie Xiria Carballo Turismo e é que aproveitando o día festivo recibirán o Venres ás 19:15 no pavillón do CEIP Fogar ao equipo Cies Obra Civil Balonmán Chapela, un conxunto que o pasado ano militaba nunha categoría superior e que nestes momentos sitúase un posto por baixo das carballesas na táboa clasificatoria. Os dous conxuntos chegan a este partido con tres vitorias na súa marcadora, co que a competencia por distanciarse do seu rival prevese encarnizada. As mozas do Goldie Xiria Carballo Turismo deberán de asinar sesenta minutos sen altibaixos onde a intensidade e a concentración da súa retagarda marque o ritmo do partido e permita desenvolver todo o potencial que este conxunto poida dar na primeira e segunda onda do contragolpe. No ataque posicional, todo pasará polo xogo colectivo e onde o balón teña claro protagonismo en canto á circulación e á velocidade desenvolta na mesma.