O Goldie Xiria Carballo Turismo, conseguíu a terceira vitoria consecutiva e nesta ocasión fíxoo no seu feudo ante un bo conxunto que o pasado ano militaba nunha categoría superior, o Cies Obra Civil Balonmán Chapela.
Tras uns primeiros minutos de igualdade, as de Xiria tomarían o mando aínda que con diferenzas moi curtas no marcador. As redondelanas permanecían á espreita e aproveitarían os primeiros erros e lagoas do seu rival para conseguir un parcial de 0-3 que lles daría vantaxe cando quedaban 5´ para concluír o primeiro acto (8-10). Xa nada cambiaría antes do tempo de descanso (9-11) e ao Goldie Xiria Carballo Turismo tocaríalle remar os segundos trinta minutos para apoderar dos dous puntos en xogo.
As Bergantiñás superaron todas as expectativas na continuación e é que apoiadas nunha retagarda infranqueable, coa axuda dunha inconmensurable Nadia en portería, chegarían a desesperar ás xogadoras de ataque do Balonmán Chapela, ao momento, que o conxunto visitante só conseguiría seis goles neste segundo tempo.
Rápidas transicións a partir do acerto defensivo romperían o partido a favor das de Carballo, que no minuto corenta xa dominaban por un global de 14-12. A partir deste instante, o dominio absoluto do Goldie traduciríase co paso dos minutos en vantaxes máis amplas, que finalizaría na cúspide co 24-17 final, un resultado traballado ante un moi bo rival, que reforza a autoestima e a ilusión das de Carballo para seguir crecendo en canto á súa competitividade.