O Parlamento aproba os orzamentos do 2020

2 minutes read

Os orzamentos galegos para 2020 quedaron aprobados este martes no pleno do Parlamento só cos votos a favor do PPdeG, fronte ao rexeitamento de toda a oposición. O debate estivo marcado pola esixencia de forma unánime da oposición para que a Xunta “rectifique” e se volva abrir a sala de partos do hospital de Verín (Ourense). De feito, durante a sesión celebrouse unha concentración ante o Parlamento por este motivo.

Begoña Rodríguez Rumbo (PSdeG) sinalou que a situación do hospital de Verín é unha “mostra máis do desmantelamento”, cuns orzamentos que apostan pola “precarización dos servizos públicos en favor dos servizos privados”. Repróchalles aos populares que defendan unha sanidade de “baixo custo”, mentres “toma o pelo” aos traballadores ao non incluír nos presupostos melloras pactadas cos sindicatos.

Manuel Lago, que interveu cun adhesivo no peito en que se podía ler “Verín non se pecha” -do mesmo xeito que outros deputados da oposición-, reprobou que o PP use a súa “maioría esmagadora” para “rexeitar todas as propostas” da oposición. Reprocha que as contas non inclúan “ningunha” resposta fronte á crise industrial. Pon de exemplo que o orzamento de turismo “crece o dobre que o de todo o sector industrial galego”.

Ana Pontón (BNG) chamou aos populares a que “escoiten o que están a demandar unanimemente” na concentración ante a Cámara, xa que os veciños de Verín “non tragan as súas mentiras”. Esixe que “recoñezan o seu erro e rectifiquen” e “que se restableza xa” a sala de partos. “Quen nos pon en risco é o PP cos seus recortes na sanidade pública”, avisou a portavoz nacionalista, quen advirte de que “non se pode normalizar unha violencia que se exerce desde o sistema contra as mulleres”.

Luís Villares reprobou que este orzamento “segue representando un goberno que asume a derrota política para Galicia fronte ás súas emerxencias”, xa que estas contas “non melloraron en nada durante a tramitación parlamentaria”. Lamenta que hai unha “baixada de impostos aos ricos”, mentres se produce o “peche de servizos públicos de carácter esencial”, como o paritorio do hospital de Verín, o que ve “un acto de violencia institucional para as mulleres” e uns “malos tratos sanitarios”, polo que reclama a súa “reapertura inmediata e incondicional”.