
A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) continúa falando de dereitos durante a campaña 12 Chaves da Inclusión, campaña iniciada este ano para conmemoración do 30 Aniversario da Organización. Este mes de marzo estará dedicado ás mulleres e nenas con discapacidade, uns dos grupos de poboación que máis sofren a discriminación social, a pesar de ser un grupo maioritario.
En Galicia teñen recoñecido o certificado de discapacidade un total de 115.763 mulleres representando o 51% da poboación total de persoas con discapacidade, das que 2.224 están entre os 6 e os 15 anos. Pese a ser maioritarias, as mulleres con discapacidade son as máis discriminadas, padecen unha tripla discriminación: por ser mulleres, por ter discapacidade e por vivir no rural.
Se se fai referencia ao emprego, segundo os últimos datos publicados polo Instituto Galego de Estatística, a taxa de paro entre as mulleres con discapacidade alcanza o 24,6% e tan só o 9,9% da mulleres que teñen discapacidade logran cursos estudos superiores.
En canto á violencia contra a muller, a que ten discapacidade é moito máis vulnerable ante este abuso, sen embargo cando se fai a denuncia, os corpos de seguridade do Estado non teñen ningún indicador que recolla se a muller ten ou non discapacidade. Actualmente, non existen datos reais de violencia contra mulleres con discapacidade. Se para as mulleres sen discapacidade é moi difícil saír da violencia por todos os condicionantes e dependencias psicolóxicas e socioeconómicas ás que se enfrontan, para as mulleres con discapacidade é máis complexo porque os recursos dispoñibles como os centros e pisos de acollida teñen prazas adaptadas reducidas.
Para combater esta situación discriminatoria, dende COGAMI e as súas entidades membro traballan en programas de empoderamento da muller, incidindo dende a infancia porque é a etapa na que pode compartir, xogar, estudar, relacionarse con outras nenas e nenos sen atopar obstáculos que as limiten. É necesario potenciar a participación social dende a infancia.