A Xunta solicítalle ao Ministerio de Sanidade avanzar á fase 3

1 minutes read
  • E tamén suprimir os límites de mobilidade entre as catro provincias galegas

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, compareceu na mañá deste martes en rolda de prensa telemática para anunciar que o Sergas lle solicitou ao Ministerio de Sanidade o avance da comunidade galega cara á terceira fase da desescalada a partires da vindeira semana e a supresión dos límites de mobilidade entre as catro provincias galegas.

Acompañado polo director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, e máis o subdirector de Información sobre Saúde e Epidemioloxía, Xurxo Hervada, Almuiña comezou a súa intervención destacando a evolución favorable que segue a amosar a pandemia da Covid-19 en Galicia, de acordo aos datos recollidos durante os últimos días.

O conselleiro puxo en valor a capacidade que posúe Servizo Galego de Saúde á hora de realizar probas de diagnose, explicando que até o pasado 11 de maio, levábanse realizadas 8.761 probas PCR nos centros de Atención Primaria, e 4.825 nos hospitais. Neste mesma liña, remarcou o incremento na capacidade de detección de novos casos do Sergas, puntualizando que segundo os datos epidemiolóxicos que se desprenden das probas, no transcurso dos últimos 16 días, o número de casos positivos rexistrados están en torno ao 1%.

O titular de Sanidade tamén destacou que nos últimos dous días non se produciron falecementos en Galicia e puxo en valor o feito de que a comunidade galega é a segunda con menor taxa de letalidade de todo o territorio español cun 6.67%, tan só por detrás de Canarias (6.49%).