A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a pena de catro anos de cárcere, como autor dun delito continuado de falsidade en documento mercantil, en concurso medial cun delito continuado de apropiación indebida, que a Audiencia Provincial de Ourense lle impuxo ao que fora director dunha sucursal bancaria na localidade de Entrimo entre 1998 e 2015.
O Superior considera acreditado, segundo informa o ditame divulgado polo Alto Tribunal galego, que o sospeitoso realizou disposicións indebidas de fondos depositados en contas dos clientes sen o seu consentimento nin autorización. Ademais, apoderouse de diñeiro entregado en efectivo polos clientes que non foi rexistrado nas súas contas e realizou pagos de extratipos polos fondos depositados polos clientes á marxe dos contabilizados pola entidade bancaria.