Campaña día 1 | Feijóo e Pontón comezan na casa

2 minutes read

Comezou a campaña electoral. Este venres os líderes do PPdeG e BNG, Alberto Núñez Feijóo e Ana Pontón visitaron as súas localidades natais. Botamos unha ollada á caravana electoral dos diferentes partidos de cara ao 12-X.

Partido Popular
Alberto Núñez Feijóo estivo este venres na súa localidade natal de Os Peares. Á tarde visitou os concellos de A Rúa, O Barco de Valdeorras, Monforte e Chantada. O candidato popular chamou a que “o 12 de xullo ninguén quede na casa porque son boas as enquisas pero as urnas aínda están baleiras”. Feijóo advertiu contra “os telepredicadores, a palabrería ou confundir prioridades coa que está caendo”. Entre os compromisos salientou unha nova lei de mineiría,  un novo plan para o hospital de O Barco, que as terras abandonadas volvan producir ou coidar dos maiores.

PSdG – PSOE
O candidato socialista, Gonzalo Caballero estivo este venres en A Mariña para analizar a situación de Alcoa cos alcaldes socialistas da zona. Á tarde tivo actos en Redondela, Pontevedra e Vigo acompañado do ministro de Cultura, José Manuel Rodríguez Uribes. Este sábado Caballero estará en Ourense acompañado polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez.

BNG
A candidata do BNG, Ana Pontón comezou a campaña na casa dos seus pais en Chorente dende onde estes tamén pediron o voto. Á tarde estivo en Narón.

Galicia en Común
O candidato de Galicia en Común, Antón Gómez-Reino, comezou a campaña este venres en Santiago, no Foro Nueva Economía, no que cargou contra a xestión das residencias de maiores e comprometeuse a revertir as privatizacións. Á tarde a caravana confluínte pasou por Lugo e Sarria.

Marea Galeguista
O candidato da Marea Galeguista estivo este venres nun xantar en Vigo. Pancho Casal mandou unha mensaxe de compromiso cos sectores productivos do país e cos empresarios, algo que segundo di, a Xunta non cumpre. Casal reivindicou que Galicia acceda a 10.000 millóns de euros dos fondos de reconstrucción europeos. Este sábado a campaña da Marea Galeguista centrarase nun acto a prol do colectivo LGTBI.

Ciudadanos
A candidata de Ciudadanos, Beatriz Pino, mantivo este venres unha xuntanza en Vilagarcía con representantes da Fundación Secretariado Xitano e con representantes do sector dos feirantes, aos que lles comprometeu un plan de rescate mentres non teñan opción para desenvolver as súas actividades con normalidade.

Vox
O secretario xeral de Vox, Javier Ortega-Smith, participou nun acto en Xinzo de Limia. Vox conta con ser determinante no Pazo do Hórreo con medidas como a unidade territorial ou a liberdade de elección de lingua.