A data límite remataba o pasado 31 de maio en pleno estado de alarma polo que foi ampliada ata este xoves, pero aínda queda moito traballo por facer. Iso é o que aseguran desde as empresas que se dedican á limpeza dos montes. Os propietarios están obrigados a limpar os terreos e leiras de maleza nos 50 metros máis próximos ás vivendas ou zonas urbanas.
Malia que as empresas de limpeza dos montes foron declaradas servizo esencial durante a pandemia da covid, aseguran que o confinamento que afectou á mobilidade dos propietarios contribuíu a empeorar o estado dos terreos.
Desde Medio Rural aseguran que da superficie recollida no convenio de protección das aldeas xa está limpa case o 60%. A partir de agora son os concellos os que lles deben notificar aos donos que aínda non limparon o seu deber de facelo. Estes disporán de 15 días para realizar a roza e previr así os incendios.