Desaloxadas 30 persoas por un incendio que arrasou un edificio en Silleda

1 minutes read

Os veciños de 15 vivendas tiveron que ser desaloxados este venres a causa dun incendio nun edificio na Rúa General Franco, en Silleda. Afortunadamente, non houbo que lamentar danos persoais.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia polos equipos de intervención que acudiron ao lugar dos feitos, as lapas tiveron orixe nunha queima dunha finca particular próxima ao edificio e estendéronse rapidamente pola fachada por mor das propiedades inflamables do material illante das ventás.

Debido ás altas temperaturas alcanzadas, parte da estrutura do inmoble desprendeuse e alcanzou a un vehículo estacionado nas inmediacións do edificio, ocasionándolle danos.

Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (112 Galicia) púxose a situación en coñecemento dos Bombeiros do Deza que traballaron arreo durante case cinco horas para extinguir as lapas.

Co fin de garantir que os equipos de extinción puidesen realizar a súa labor sen comprometer á seguridade cidadá, os axentes da Garda Civil de Tráfico, coa axuda do servizo de mantemento da vía, procederon a cortar o tráfico na N-525 e habilitar a circulación a través de vías secundarias.

Ademais, ata o lugar desprazáronse os axentes da Policía Local e, igualmente, os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, por se fose necesaria a súa colaboración.

A circulación na vía foi restablecida unha vez que o lume foi extinguido. Deste xeito, os veciños puideron volver as súas casas, a excepción dos moradores das vivendas máis afectadas.