O BNG pide á Xunta que demande á familia Franco para recuperar as esculturas do Mestre Mateo

1 minutes read

O BNG instou a Xunta a que presente a súa propia demanda xudicial para solicitar a devolución das esculturas do Mestre Mateo do Concello de Santiago espoliadas pola familia Franco, á vista da aparición de novas probas e documentación inédita que tira por terra os argumentos dos herdeiros do franquismo para reter as estatuas.

“Levamos moito tempo reclamando que se poña fin aos privilexios do franquismo e que se nos devolvan os bens espoliados e a sentenza de devolución do Pazo de Meirás abre unha porta á esperanza porque por primeira vez un xulgado recoñece o modus operandi dos Franco para apropiarse de bens do pobo galego, e hai outros que se confiscaron coas mesmas argucias como foron as esculturas do Mestre Mateo do concello”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón.

Como sociedade galega, alega a líder do Bloque, “debemos darlle un novo impulso á recuperación destas estatuas porque forman parte do noso patrimonio e non podemos permitir a impunidade do franquismo e todas as administracións temos a obriga de traballar para recuperalas”.

Nese sentido, anunciou, “o Bloque vai levar ao concello de Santiago e ao Parlamento sendas iniciativas reclamando da Xunta que presente unha demanda xudicial aportando a nova documentación para estas estatuas, porque sería unha burla que seguiran en mans dos herdeiros de Franco e unha impunidade que non se pode permitir”.