Sanidade realizará cada 14 días cribados a todos os profesionais de centros residenciais

1 minutes read
  • Galicia é unha das tres comunidades autónomas que detectan máis casos de covid en persoas asintomáticas

A Xunta de Galicia, a través de varias consellerías, realizará cribados a todos os profesionais de centros residenciais cada 14 días. Así o anuncio este mércores o titular da carteira sanitaria, Julio García Comesaña, no Pleno do Parlamento. Trátase dun método de vixilancia e prevención para poder detectar antes os casos positivos.

Desde a Consellería de Sanidade, en colaboración con varios departamentos, tamén se está facendo un cribado ao persoal docente e non docente da educación primaria e secundaria de centros públicos e concertados; profesionais das escolas infantís; temporeiros de tarefas agrícolas; Forzas e Corpos de seguridade e persoal de prevención e extinción de incendios forestais.

Comesaña destacou que seguen á procura activa de casos en grupos de risco da poboación xeral, tanto por ser persoas máis vulnerables, no caso de usuarios de residencias, como por ser portadores asintomáticos na cadea de transmisión, como é a mocidade.

En relación a outra das cuestións abordadas no Parlamento de Galicia, o conselleiro de Sanidade sinalou que a porcentaxe de casos covid-19 detectados en Galicia que corresponde a persoas que non presentaban síntomas é de arredor dun 66%, fronte á media nacional dun 53%. Este dato sitúa a Galicia como unha das tres comunidades autónomas que detectan máis casos de covid en persoas asintomáticas.