A Xunta de Galicia afronta a recta decisiva do programa para creadores noveis Xuventude Crea 2020, que na edición deste ano bateu récord de participantes con 486 mozas e mozos con idades comprendidas entre os 16 e os 30. A vindeira semana terá lugar a fase final de Teatro, unha das catorce especialidades do certame xunto con Artes plásticas —Escultura e Pintura—, Banda deseñada, Cociña, Danza moderna, Deseño de xoias, Poesía, Videocreación Fotografía, Graffiti, Moda, Música e as dúas novas disciplinas que incorpora este ano o programa: Novela curta e Creación de videoxogos.
Ao escenario do Salón Teatro da capital galega subiranse os días 26, 27 e 29 de outubro os seis grupos finalistas da especialidade desta arte escénica. Estes son: Molesto Teatro (Vigo), que representará a obra Déixanos entreterte; Lohengrin Teatro (Vigo), con Coa mirada nas súas mans; Farándula Velutina (Corcubión), con Animais de Compañía; Teatro do Ar (Nigrán), con Lume; Vai no dentista (Santiago de Compostela), coa peza Fóra de xogo; e Os Palimoquiños e cía. (Lugo), que porán en escena Os Miserables.
Así mesmo, xa están programadas as datas e lugares de celebración do resto das fases finais nas distintas modalidades do Xuventude Crea. Todas elas se dilucidarán ao longo do vindeiro mes de novembro, a falta de que se peche definitivamente cando e onde terá lugar a final da categoría de Creación de videoxogos.