O Plan forestal marca as directrices de xestión dos montes para os vindeiros 20 anos

2 minutes read

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou que o Plan Forestal de Galicia marcará as directrices de xestión dos montes galegos durante os vindeiros 20 anos cun investimento de 4.900 millóns de euros ata o ano 2014, dos que 4.000 millóns son fondos públicos.

Feijóo defendeu que “imos a intentar que Galicia non só sexa un pulmón dentro de España, senón que sexa un pulmón máis grande tanto no ámbito ambiental como na loita contra o cambio climático”. Nesa liña, o Plan Forestal é “o principal documento estratéxico do bosque en Galicia e establece o compromiso para as vindeiras xeracións e unha senda política, económica e social que afectará aos distintos gobernos de Galicia nos próximos vinte anos”, engadiu.

Tras explicar que está previsto que o Plan estea en vigor no primeiro semestre de 2021, Feijóo salientou algunhas das prioridades estratéxicas que suporá: blindar a sustentabilidade do monte, compatibilizando o plano ambiental e socioeconómico; garantir a súa biodiversidade e aumentar a pegada das frondosas autóctonas; estimular a multifuncionalidade; incentivar unha xestión máis participativa; procurar un marco normativo e financeiro favorable e áxil, e reforzar as políticas antiincendios.

Máis en concreto, o presidente da Xunta detallou medidas como a promoción da rexeneración natural de frondosas caducifolias ata alcanzar as 425.000 hectáreas en 2040 e a conservación de soutos de castiñeiro, así como a creación de 16.000 hectáreas máis, das que a metade se enfocarán á madeira e a outra metade á produción de castañas.

En canto ao eucalipto, reducirase un 5% a superficie actual desta especie en Galicia. Nesa liña, darase preferencia á produtividade das masas xa existentes, reforzarase o control das novas plantacións e buscarase a transformación de eucaliptais degradados. Segundo aseverou Feijóo, “unha das metas é converter 20.000 hectáreas de eucalipto en montes de outras especies”.

A maiores, plantaranse 20.000 hectáreas máis de coníferas ata 2040 e controlaranse as especies invasoras.