O poeta español Francisco Brines gañou o premio Cervantes 2020, sucedendo a Joan Margarit. Considerado o Nobel de literatura en castelán, este premio que concede anualmente o Ministerio de Cultura e Deporte e que está dotado con 125.000 euros adoita repartirse alternativamente entre Latinoamérica e España, aínda que este ano non se cumpriu a tradición.
O Premio de Literatura en Lingua Castelá Miguel de Cervantes constata «o público testemuño de admiración á figura dunha escritora ou dun escritor, independentemente da súa nacionalidade que, co conxunto da súa obra, contribuíse a enriquecer o legado literario hispánico», segundo a convocatoria. Un galardón que se concede non por unha obra específica, senón por toda a produción literaria dunha autora ou dun autor.
Desde a súa creación, o premio fállase a finais de ano e entrégase o 23 de abril, día do falecemento de Miguel de Cervantes, nunha cerimonia no Paraninfo da Universidade de Alcalá de Henares (Madrid), que preside o rei de España. Este ano, con todo, non puido celebrarse debido á pandemia, e os actos de homenaxe a Joan Margarit foron tamén o 23 de abril, pero na internet.