A candidatura da Ribeira Sacra será avaliada polo comité da Unesco en China no verán de 2021

1 minutes read

A directora xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, María del Carmen Martínez Insua, participou por videoconferencia na 87ª reunión do Consejo de Patrimonio Histórico na que se analizaron as candidaturas españolas, entre as que se inclúe a proposta de Galicia para a Ribeira Sacra, que serán avaliadas na próxima sesión do Comité do Patrimonio Mundial que se celebrará en China no verán de 2021.

Así, co obxectivo de que a paisaxe cultural da provincia de Lugo e Ourense sexa incluída na prestixiosa Lista do Patrimonio Mundial durante a celebración da 44ª sesión estendida do Comité, a Xunta de Galicia vén desenvolvendo un importante traballo técnico, impulsado pola da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, para acreditar e defender os valores sobranceiros deste territorio.

Neste sentido, cómpre destacar que a candidatura da Ribeira Sacra está actualmente na súa última fase e nuns meses clave nos que a Xunta de Galicia, co fin de conseguir a declaración, está estreitando o contacto cos examinadores da UNESCO, que recentemente tiveron a oportunidade de trasladarse ata o territorio para comprobar a súa importancia cultural, patrimonial e paisaxística.

Na sesión celebrada este venres, e na que tamén participou o embaixador de España ante a UNESCO, Juan Andrés Perelló, así como representantes de diferentes comunidades, tamén se confirmou que no vindeiro ano presentarase a candidatura conxunta de Portugal e Galicia Ponte…nas ondas! para a súa inclusión no Rexistro de Boas Prácticas de Salvagarda da UNESCO. Trátase dun proxecto no que a Comunidade galega e as rexións lusas de Minho, Trásos-Montes e Douro e que está dirixido a poboación escolar e que está impulsado por unha asociación de profesores co obxectivo de promover a integración do patrimonio cultural, dos coñecementos tradicionais e dos rituais festivos no ámbito escolar.