O expresidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán e a delegada territorial da Xunta de Galicia, Luisa Piñeiro, rexeitaron a existencia dun “sistema artificioso e en fraude de lei” para aboar á construtora Eiriña uns 86.000 euros por un suposto sobrecusto relativo a unhas obras executadas e non contratadas no campo de fútbol do Buelo, en Moraña.
O actual presidente da Federación Galega de Fútbol e a exalcaldesa de Moraña están acusados de fraude e prevaricación xunto a outro seis procesados que este venres foron citados a declarar por estas supostas irregularidades no xuízo que se celebrou no Xulgado do Penal número 3 de Pontevedra. Ao entender que todas as preguntas que quería facer xa foran respondidas polo resto de acusados, o avogado de Rafael Louzán renunciou a interrogar o seu cliente, polo que este se acolleu ao seu dereito a non declarar.
Pola súa banda Luisa Piñeiro, exalcaldesa de Moraña no momento dos feitos; Enrique Pais, dono da empresa Eiriña; o director técnico desta construtora, Jaime Alvariñas e o exdirector de Infraestruturas na Deputación, José Manuel Juanatey; e o arquitecto D.A.L.O.; só responderon as preguntas dos seus propios letrados, negando calquera irregularidade nas obras investigadas.