Vigo | O BNG esixirá no Parlamento galego o instituto público para o barrio de Navia

1 minutes read

O Bloque Nacionalista Galego vén de anunciar que levará ao Parlamento galego a esixencia dun compromiso efectivo da Xunta de Galicia para a construción dun novo instituto no barrio de Navia, en Vigo.  A deputada, Alexandra Fernández, defenderá que se atenda esta longa reivindicación veciñal a través dunha batería de iniciativas e tamén no proceso de emendas aos orzamentos da Xunta.

En rolda de prensa, na que compareceu canda o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, Fernández lamentou que quince anos despois do desenvolvemento do PAU de Navia este populoso barrio da cidade de Vigo continúe sen unha dotación esencial como un instituto. Un feito que supón un claro prexuízo para o barrio, xa que implica que o estudantado teña que trasladarse 10 quilómetros até o IES de Valadares, e está a reducir a matriculación no CEIP Castelao, de titularidade pública, en beneficio dun centro privado-concertado que si está adscrito aos institutos de Coia.

A deputada nacionalista advertiu que o déficit dotacional de Navia agravarase co desenvolvemento do Plan Parcial que prevé 1.600 novas vivendas, polo que reclamou que se actúe para dotar o barrio dos servizos que precisa, a principiar polo instituto.