O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou un “extraordinario” sistema de rutas interactivas en museos e distintos espazos da cidade a través da App Vigo. Este proxecto – que xa está dispoñible nas plataformas android e IOS- foi deseñado por técnicos municipais e contou co cofinanciamento dos fondos DUSI europeos, dentro do proxecto “Vigo vertical”. Segundo explicou, o obxectivo é poñer en valor o rico patrimonio de Vigo creando unha gran base de datos dos elementos clave da cidade polo seu interese turístico, histórico, medioambiental, cultural ou artístico.
Nunha primeira fase, a App Vigo incluirá as seguintes rutas: “Monte do Castro en 100 minutos”; “Vigo en 60 minutos”; “Muralla de Vigo”; “Botánica do xardín do Pazo Quiñones de León”, ademais das do Museo MARCO, sobre as exposicións de Manuel Vilariño e Celeste Garrido. Con este sistema, os museos de Vigo serán os primeiros de Galicia en posuír esta tecnoloxía de interacción entre museo e visitante. O dispositivo é o mesmo que usan grandes contedores culturais como o Museo Brooklyn, o Museo Guggenheim de Nueva York, o Museo do Louvre en París, o Museo Nacional de Cardiff, Gales ou o Museo de Arte Contemporáneo de Cracovia.