Ao ser interpelado Moncho Fernández sobre a cuestión de se o partido do pasado sábado ante Iberostar Tenerife no Santiago Martín da illa canaria, fora o peor partido desde a súa chegada ao Obra, fai a friorenta de 10 tempadas, cavilou a resposta. Por suposto non entrou en facer leña da árbore caída e contestou aludindo á delicadeza de facer valoracións absolutas, pero se apostilou cualificándoo como dos máis malos. E é que o Obra da última xornada ACB en Tenerife, nin estivo nin se lle esperou. Parecía coma se non aterrasen na illa e o partido xa se estivese xogando. Mal tácticamente, tecnicamente e fisicamente, nun encontro no que, pola contra, o conxunto local brillou, como case sempre a un nivel superlativo. Saíulle todo e presenta a 3 xogadores por encima das 20 unidades de valoración. Para atopar ao mellor visitante temos que chegar ao quinto lugar, empatado con outro xogador aurinegro, e apuntar a Steven Enoch (15 puntos, 7 rebotes e 15 de valoración).
Resultado final, 107 a 62. Nunha derrota sen paliativos por 45 puntos de diferenza, a 2 do récord negativo de -47 asinado por Obradoiro na tempada 2016/17 ante o Real Madrid. Con malas sensacións, dano para a moral dos xogadores, frustración do técnico e dor para o afeccionado, quen se fregaba os ollos para ver se o que estaba a suceder, era real.
Comezaba o encontro coa primeira e única vantaxe dos visitantes, mercé a un triplo anotado por Robertson. E aí, acabou todo. Obradoiro pelexou o primeiro cuarto que perdeu por 25-19. MVP Shermadini (18 puntos, 6 rebotes, 3 asistencias e 27 de valoración) facíase o amo da pintura, ben apoiado por Fitipaldo impedindo que Birutis realizase o seu xogo habitual na zona. Defensa intensa e aparición de Marcelinho Huertas (14 puntos, 1 rebote e 9 asistencias con 24 de valoración) para impoñer a lei aurinegra. Pola contra, o Obradoiro entraba no seu particular carrusel de perdas e tan só atopaba acerto en Enoch e os seus lanzamentos de media distancia. Pechábase o cuarto 25-19.
Comezaba o segundo cun achegamento santiagués con nova canastra do de sempre, Enoch, 25-21 que minimizaba as sensacións que non eran boas. Shermadini e Hortas continuaban martilleando o aro visitante e convidaban á festa a un excepcional Cavanaugh (15 puntos, 4 rebotes e 1 asistencia, para asinar 22 unidades de valoración) quen con 8 puntos seguidos daba a réplica cun parcial de 10-0. Os parciais tinerfeños eran sinxelamente estratosféricos e a capacidade de anotación brutal. Por encima do 75% en tiros de campo e 80% en triplos, mandando o partido a vestiarios con 55-38 no luminoso.
Tras a continuación empezaba o show de Salin con 3 triplos seguidos sen fallo, superando a renda en máis de 20 puntos. Os locais non se relaxaban e continuaban metidos no partido coma se estivese en dúbida a súa vitoria. Xogábase ao ritmo tinerfeño e os galegos exercían de convidado de pedra. Fin do terceiro cuarto con 32-18 de parcial para deixar o marcador en 87-56.
Entrabamos no último acto, que aínda foi peor. Moncho Fernández entrando en catarse ante a ineficacia suma dos seus pupilos. Tempo morto onde lles recriminaba a súa actitude, deixando a frase para a historia: ides seguir facendo o ridículo ata o final?.
Nada que facer, só restaba por ver de canto ía perder Obradoiro ante un equipo local que só perdeu un encontro en liga, desatado. Seguíalle saíndo todo e continuaba practicando un baloncesto de salón. Fin do cuarto e do partido cun vergonzante 20-6 de parcial e 107-62 de resultado final.
Próximo partido, domingo 13 de decembro ás 20 h no Fontes do Sar contra o Fc Barcelona, mal rival para tratar de resarcirse e buscar un equipo que pague os pratos rotos. Continua a mala serie local e, aínda que é sabido que, nesta liga, isto sucede. Non menos sabido é que con esta imaxe non se vai a ningún sitio. Agardamos reacción compostelá e confiamos no traballo do técnico na recuperación de conceptos, actitude e condición física.
ALEJANDRO LUÍS OTERO JAMARDO