O deputado Luís Bará, xunto á viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, debullou as principais liñas de actuación propostas polo Bloque para o futuro do Pazo de Meirás. Neste sentido, Bará considerou preciso articular a xestión conxunta do inmoble a través das tres administracións que xogaron un papel fundamental na súa recuperación -Deputación da Coruña, Concello de Sada e Xunta-, xunto aos colectivos sociais e ás persoas expertas na investigación histórica.
Para o BNG, as primeiras actuacións a desenvolver no Pazo pasan pola retirada de todos os elementos de exaltación e apoloxía da ditadura e do ditador, co obxectivo de romper definitivamente coa concepción de Meirás como “parque temático e centro de peregrinacións franquistas” e proceder á súa apertura pública, tanto do inmoble como das case 10 hectáreas de bosques e xardíns, con horarios amplos de visita, dentro das lóxicas restricións obrigadas pola pandemia.
Cara ao futuro uso de Meirás, o BNG avoga por convertelo nun centro sobre a memoria histórica democrática galega que tamén se consolide como centro internacional de referencia no estudo e interpretación das ditaduras, e concretamente sobre a franquista, sobre a violencia política institucional e sobre o auxe dos neofascismos que se está producindo en todo o mundo e principalmente en Europa “para estudalos e combatelos con armas democráticas”.